‘Sopa de nada’ (en galego)

—Se con iso abonda…
—Que se abonda? Madia leva!

Darabuc e mais Rashin Kheiriyeh son os cociñeiros desta deliciosa Sopa de nada que a partir de agora os esfameados lectores poderán atopar dentro da carta de OQO editora.

Darabuc recupera unha antiga receita, a da Sopa de pedra, un conto popular que como adoita suceder cos relatos de orixe tradicional presenta versións distintas segundo o país. O autor, coñecedor desta rica tradición, inspírase nela pero reelabora os ingredientes e cociña unha Sopa de nada, persoal, moderna e con grandes doses de humor. O resultado é unha fábula coa que os rapaces aprenderán a importancia de compartir e de ser solidarios. E por riba, descubrirán que para superar situacións de necesidade e dificultades, moitas veces abonda cun pouco de enxeño e imaxinación.

Os protagonistas, coma en case todas as fábulas, son animais. Neste caso, María Raposa e Xan Gato, dous pícaros que un bo día chegan ás portas dun palacio pedindo comida. Alí vive o avaro de Xan Rata que non lles quere dar nada, e eles entón ofrécense a prepararlle unha sopa ben prodixiosa, sopa de nada.

O autor xoga co simbolismo dos personaxes, xa que tanto o raposo como o gato son animais aos que o imaxinario colectivo lles atribúe características como a intelixencia ou a astucia. E outro tanto se pode dicir da rata, animal asociado tradicionalmente coa mesquindade.

Darabuc aposta por unha estrutura dialogada na que as réplicas e contrarréplicas sempre graciosas dos personaxes fan avanzar a historia. O esquema, que en liñas xerais se mantén fiel á tradición, é o seguinte: María Raposa suxire algún ingrediente co que a sopa sabería moito mellor e Xan Rata que non se dá conta da artimaña acepta de bo grao darllo, porque só se trata dun ingrediente sen importancia.

A repetición de todos os ingredientes cada vez que se engade un novo, alén de axudar ao ritmo do relato, bríndalles aos máis pequenos unha oportunidade de ouro para traballaren con algunhas das unidades de medida (gurricha, brazada, restra ou ducia) máis habituais na cociña.

Reforzan tamén o ritmo da narración, outros recursos como a medida dos versos ou a presenza de fórmulas que se repiten de principio a fin. Mais se algo debe quedar claro sobre Sopa de nada, é que se trata dun álbum divertido. Ábreo, unha ollada ás ilustracións de Rashin Kheiriyeh e decontado un sorriso acode aos beizos. Vaia sorpresa! E que personaxes tan raros! Así, todos vestidos de negro de pés a cabeza, e con lentes escuras… Non parecen anxos precisamente, máis ben… e se son… shhhh… uns mafiosos?

A ilustradora iraniana que capta á perfección o toque irreverente que Darabuc lle dá á historia presenta uns protagonistas nada inocentes. E por riba colabora con novos motivos para a risa porque… acaso hai algo máis divertido que ver uns personaxes tan sinistros, con mandil a remexeren na cazola?

A sinxeleza é unha das características da personalidade desta artista que OQO editora presenta por primeira vez ao público galego. Para o seu traballo, elixe unha paleta de cores reducida, baseada en cores terra, algúns tons da gama do verde, o negro e o branco. No entanto, compensa esta sobriedade con óleos a partir dos que obtén ricas texturas, e tamén con colaxes grazas ás que consegue a impresión de volume nas composicións.

Non podemos deixar de comentar o escenario no que se desenvolven as aventuras destes tres galopíns, o deserto Nonhainada. A escolla do lugar representa unha pequena homenaxe do autor aos contos de astucia orientais, xa que é Oriente un dos lugares con maior tradición no xénero.

De novo, un detalle revelador da enorme riqueza agochada neste álbum que bebe de tradicións moi antigas e recupera para as novas xeracións un valioso patrimonio cultural. E a isto, aínda hai que sumar a mirada fresca e sen prexuízos do autor, que crea uns personaxes túzaros cos que riremos a esgalla, e mais da ilustradora, a artífice da estética moderna do álbum e dese look tan sorprendente dos protagonistas.

Texto de Darabuc
Ilustracións de Rashin Kheiriyeh
Tradución do castelán de Marisa Núñez
12,50 €  | 978-84-9871-224-7
36 páxs. | cartoné | 25×23 cm | 2010

Anuncios

Deja un comentario

Archivado bajo Álbum ilustrado, Contos en galego, Reseñas, Sopa de nada

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s